O aparato circulatorio ten varias funcións:
1.Serve para levar os alimentos e o osíxeno ás células,
2.Para recoller os refugallos metabólicos que se han de eliminar despois polos riles, nos ouriños, e polo aire exalado nos pulmóns, rico en dióxido de carbono (CO2).
De todo este labor encárgase o sangue, que está a circular constantemente. Ademais, o aparato circulatorio ten outras destacadas funcións: intervén nas defensas do organismo, regula a temperatura corporal, transporta hormonas, etc.
O sangue:
O sangue é o fluído que circula por todo o organismo a través do sistema circulatorio, formado polo corazón e un sistema de tubos ou vasos, os vasos sanguíneos.(arterias,veas,capilares sanguineos..)
O sangue describe dous circuítos complementarios chamados circulación maior ou xeral e menor ou pulmonar...
O sangue é un tecido líquido, composto por auga e substancias orgánicas e inorgánicas (sales minerais) disoltas, que forman o plasma sanguíneo e tres tipos de elementos, formes ou células sanguíneas: glóbulos vermellos, glóbulos brancos e plaquetas. Unha gota de sangue contén aproximadamente uns 5 millóns de glóbulos vermellos, de 5.000 a 10.000 glóbulos brancos e ao redor de 250.000 plaquetas
Para saber máis:
O plasma sanguíneo é a parte líquida do sangue. É salgado, de cor amarelenta e nel flotan os demais compoñentes do sangue, tamén leva os alimentos e as substancias de refugallo recollidas das células. O plasma cando se coagula o sangue, orixina o soro sanguíneo.
Os glóbulos vermellos, tamén denominados eritrocitos ou hemacias( hematíes en castelán), encárganse da distribución do osíxeno molecular (O2). Teñen forma de disco bicóncavo e son tan pequenos que en cada milímetro cúbico hai catro a cinco millóns, medindo unhas sete micróns de diámetro. Non teñen núcleo, polo que se consideran células mortas. As hemacias teñen un pigmento avermellado chamado hemoglobina que lles serve para transportar o osíxeno dende os pulmóns ás células. Unha insuficiente fabricación de hemoglobina ou de glóbulos vermellos por parte do organismo, dá lugar a unha anemia, de etioloxía variable, pois pode deberse a un déficit nutricional, a un defecto xenético ou a diversas causas máis.
Os glóbulos brancos ou leucocitos teñen unha destacada función no Sistema Inmunolóxico ao efectuar traballos de limpeza (fagocitos) e defensa (linfocitos). Son maiores que as hemacias, pero menos numerosos (uns sete mil por milímetro cúbico), son células vivas que se trasladan, sáense dos capilares e dedícanse a destruír os microbios e as células mortas que encontran polo organismo. Tamén producen anticorpos que neutralizan os microbios que producen as enfermidades infecciosas.
As plaquetas son fragmentos de células moi pequenos, serven para taponar as feridas e evitar hemorraxias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario